![]() |
| You came to the wrong ε-neighbourhood (xa usara esta imaxe, pero sempre é acaída) |
Outro 6 de xaneiro, e xa van dez anos neste blog. En contra do que se podería agardar, estou satisfeito co que é agora: un lugar persoal onde colgar 1 de cada 4 cousas que me parecen susceptibles de publicación. Como xa comentei en varias ocasións, o obxectivo principal primixenio era dispoñer dun sitio para propoñer problemas menos curriculares aos meus alumnos de (sobre todo)1º e 3º de ESO do IES Cosme López Rodríguez da Rúa de Valdeorras. Así podedes ver o ritmo vertixinoso de publicación do primeiro ano, continuado máis ou menos o 2º e o 3º. Despois dese inicio como blog "de apoio", e logo de moito cavilar, veu transformarse nunha páxina para chantar cousas que, se non as lese eu pola rede adiante ou en libros, me prestaría que alguén as colgase en galego para coñecelas. E isto salteado de comentarios sobre as experiencias na aula deste profesor random de Matemáticas.
Xa me teño laiado tamén de que en ningún momento chegamos a ter unha blogosfera matemática en galego, o intento de Manuel de sistematizala ao final do seu artigo Blogosfera Matemática no nº13 da revista Gamma choca de fronte coa realidade: dos blogs comentados, o que segue traballando a eito é Carta Xeométrica, que todos sabedes que ten unha temática arredor da lingua e o país. Dos demais, podemos afirmar sen problemas que seguen funcionando este mesmo e os Retallos de Matemáticas, que publica menos entradas pero máis traballadas. As Dúbidas de Mates levan sen actualizar cinco anos; Dous Ferrados, que xa levaba un tempo sen actualizar, acaba de anunciar a súa xubilación(o que non quere dicir necesariamente que deixe o blog, agardo); o blog da revista do IES Monelos, Tetractis, leva descontinuo desde 2012(btw, o ano da LOMCE); o último número da revista do IES Otero Pedrayo, Mathesis, é de 2017.
Cales son as causas? Non é que eu sexa un experto, pero tampouco son difíciles de adiviñar: os autores asumen outras responsabilidades e teñen que deixar algunha: a primeira será actualizar un blog, que a fin de contas é algo voluntario; hai outros medios con comunicación máis inmediata: twitter, Facebook, quizais as aulas virtuais dos centros(se falamos de comunicación cos alumnos); a xubilación xa comentada... Tendo en conta que algo de narcisismo é necesario para crer que un ten cousas interesantes que comentar en público, o feito de que, ás veces, escribir un blog semella berrar no medio do monte non debe de animar a continuar. Para min un xeito de racionalizar esta sensación consiste en comprobar cantos comentarios teñen os blogs en inglés que sigo, blogs que obviamente teñen miles de seguidores e que teñen entradas con 2, 3 ou incluso ningún comentario(John Cook, Math Babe, Tanya Khovanova, Teaching with Problems, Craig Barton, Filling the Pail, etc., a excepción segue a ser o de Dan Meyer). Que nivel de feedback pode esperar entón un blog coma este, desenvolvido en galego normativo, co tema das Matemáticas escolares, escrito por este peculiar profesor(se serve como métrica de peculiaridade: que non adoita permanecer moito en ningún grupo de Facebook)?
Remato dicindo que espero seguir con este ritmo: aproximadamente dúas entradas ao mes non me van matar. Se queredes ler experiencias de clase sen moita orde nin moito xeito, problemas variados que poden ou non servir na aula, e calquera cousa que a este profesor lle pareza que cadra ben aquí, este é o voso blog. Non diredes que non sei vender un produto.
P.D.: Por certo, o título da entrada ten unha orixe similar á da vella brincadeira
Por que os programadores trabucan o Samaín e o Nadal?




