19.4.15

X+Y

Se supuxestes que esta ía ser unha entrada sobre Álxebra, ides levar unha sorpresa.


Esta entrada vai de cine, dunha película que aínda non vin, ao estilo da que escribín en outubro sobre The Imitation Game. Nesta ocasión a película é X+Y, estreada maioritariamente en festivais fóra de España, polo que o único material dispoñible é un trailer e o que podemos atopar na rede, por exemplo na páxina da película en IMDb ou no blogue de Alex Bellos en The Guardian.




Brevemente, a película xira arredor dun adolescente británico cun xenio especial para as Matemáticas que participa na olimpíada do Reino Unido, nos campamentos de preparación e posteriormente na Olimpíada Internacional para estudantes de bacharelato. Con esa contorna determinada, na película veremos os problemas do mozo coas Matemáticas, a comunicación e o amor adolescente.

Xa un clixé na cultura popular na representación dos matemáticos, a personalidade do rapaz está preto do trastorno autista. Neste caso, por unha vez, está xustificado, pois a película está baseada (daquela maneira) en feitos reais. O propio director da película, Morgan Matthews, realizara no 2007 un documental para a televisión sobre os olímpicos británicos, Beautiful Young Minds, na que un dos rapaces protagonistas, Daniel Lightwing, tiña o síndrome de Asperger (as miñas desculpas aos expertos, teño unha lea importante co tema dos cambios no DSM-5 no referente ao espectro autista).

Cando estea dispoñible por estas latitudes comprobarei se a película dá unha visión veraz das competicións matemáticas e os seus participantes. Polo de agora só queda a oportunidade de pelexar cun problema matemático que o protagonista resolve no clip que compartiron no Guardian:




20 cartas son colocadas en ringleira de xeito aleatorio, todas do revés. Un movemento consiste en coller unha das cartas que están do revés e darlle a volta a ela e á súa veciña da dereita. Demostrar que, independentemente da escolla das cartas, esta secuencia de movementos ten que rematar.

O problema non posúe a dificultade típica dos escollidos para a IMO, como afirma o membro do equipo británico na IMO en 2011 Adam Goucher. A resolución dun problema dunha olimpíada internacional seguramente sería pouco cinematográfica, primeiro polo que levaría atacalo e segundo porque sería tan técnica que o director vería naufragar a película diante dos seus ollos. Porén, este problema serve como escusa para albiscar algo da película, alén do mozo de ollada inquietante, Asa Butterfield, que xa coñecemos de The boy in the striped pyjamas ou máis recentemente, Ender's Game. Na escena vemos tamén a Eddie Marsan, habitual en series británicas e secundario en moitas películas mainstream(Jack the Giant Slayer,p.ex. é unha película dirixida a público xuvenil afastada do canon Disney). No trailer tamén achamos outro prolífico actor inglés, Rafe Spall, presente nas recentes Prometheus e Life of Pi, do que eu salientaría as súas actuacións nas series The Shadow Line e Black Mirror.


Polo menos non terei tan altas expectativas como con The Imitation Game, de xeito que non poderei sentirme defraudado como co biopic sobre Turing. Sempre hai que ver o vaso medio cheo...


0 comentarios:

Publicar un comentario