Este blog cumpre catorce anos e toca a conseguinte revisión anual. Vexamos cales foron as entradas máis lidas das 33 que escribín este ano, e tamén as menos lidas:
- A máis visitada foi Un erro común en Álxebra elemental, con 315 visitas. Nesa entrada comparto un artigo no que tratan o erro común que sucede ao traducir "x é o dobre de y" por "2x=y" en troques de "x=2y"
- A 2ª, Unha crítica ao novo curriculum, 268 visitas. Aquí, ademais do obvio, comparo co curriculum portugués, que supostamente foi unha das inspiracións do curriculum español.
- A 3ª, Divertimento Xeométrico(10), 229 visualizacións. De vez en cando aparece por aquí unha propiedade elemental, evidente e, con sorte, pouco coñecida.
- A 4ª, De súpeto, 13 anos, con 190 visitas. Non lembro se compartín a anterior entrada de aniversario tanto como para que entre neste top ou se realmente era tan interesante.
- A 5ª, O curso da FESPM sobre as Bases do Curriculum-4, con 178 visualizacións. Esta entrada pechaba a serie crítica co curso e co documento das Bases, e nela expliquei un chisco a miña sensación persoal.
Como curiosidade, deste top 5 só ten comentarios a entrada do 13º aniversario.
Imos coas menos vistas:
- A menos vista, Unha desigualdade non tan coñecida, 51 visitas. Non é casualidade que sexa a última entrada do ano.
- A 2ª menos vista, Olimpíada Matemática Galega 2022- Fase Final, 69 vistas. Unha entrada que fala de ternas pitagóricas, nunca volo perdonarei.
- A 3ª menos vista, Un paradoxo probabilístico, 77 visitas. A única entrada de novembro, que adoece dun exceso de álxebra, supoño.
- A 4ª, Olimpíada Matemática Galega 2022- Fase Final-3, 87 visitas.
- A 5ª, Tilt, 97 vistas. Nesta resolvín un problema elemental compartido antes en Futility Closet.
A media de visitas ás entradas é 136, a desviación case 56 e a mediana, 116.
A gráfica, sen cambios espectaculares respecto ao ano pasado:
Este ano veu marcado principalmente pola chegada da LOMLOE, o que levou a que escribise cinco entradas relacionadas e a que, paralelamente, me bloquease en twitter gran parte dos didacticons que fan gala de seren inclusivos e tolerantes. E todo por facer brincadeiras coas epifanías da xente, criticar os criterios de avaliación da LOMLOE e rir un cacho co postureo das thinking classrooms. Quizais tamén por criticar organizacións como EduCaixa ou a Fundació Bofill, quen sabe.
Aquí seguimos, dando clase en 1º e 2º de ESO e en 2º de BAC. Outro ano.
0 comentarios:
Publicar un comentario