11.1.25

Un problema elemental que (non) resolvín

 

A semana pasada entrei nun grupo de Facebook no que son membro, "Oposiciones Matemáticas Secundaria- Problemas y Ejercicios", e vin este problema compartido por un membro anónimo(ata que entrei neste grupo non sabía que existían):

    

Na figura aparece un cadrado e as áreas de dous triángulos no seu interior. Demostrar que a área do triángulo azul é 77 e que a área do triángulo gris é 49,5.

Anímovos a que o pensedes antes de que se desate o maelström.

Nada máis velo recoñecín a situación habitual en moitos problemas, e confeso que pensei que ía ser sinxelo, que utilizando que triángulos coa mesma base e altura teñen a mesma área ou, como moito, o Teorema das Alfombras, sairía fácil. E púxenme ao choio, seguindo esta consideración previa:

   Cal será a orde que seguen as letras? 

E fun vendo as consecuencias máis inmediatas na configuración:
$$C=A+D=B+E+80=F+52,5$$



sendo eses 4 valores iguais á cuarta parte da área do cadrado.
Sen botar contas, xa se ve que con esas igualdades non vas a ningures, polo que pensei un chisco máis e vin os triángulos que van do chan ao teito, é dicir, estes dous da dereita,


 






e viceversa, i.e., estes dous da esquerda








De onde deducimos
$$F+52,5+C=C+52,5+A+E \rightarrow F=E+A$$
e
$$B+E+52,5=B+D \rightarrow E+52,5=D$$

Aí comecei a sospeitar que estaba dando voltas, que había igualdades que eran equivalentes a outras, e por tanto, non achegaban nova información.
$$C=A+D=B+E+80=F+52,5 \\F=E+A \\ E+52,5=D$$O máis lóxico, supoño, sería tentar seguir onde me levasen esas igualdades, p.ex.:
$$\begin{cases} B+E+80=F+52,5 \\ F=E+A \end{cases}\Rightarrow B+E+80=E+A+52,5 \rightarrow B+27,5=A$$
O que vai ben no camiño de ver o que nos pide o exercicio (lembremos: B=49,5, A=77)
Pero como comentei arriba, eu xa notara que o asunto era laido, co cal probei outra cousa para chegar ao mesmo. Digamos que pedín papas coa estratexia de comparar áreas sen máis, e puxen nome a lonxitudes de arriba:
   
Para que? Pois para comparar áreas, claro:
$$\frac{80+F}{B+E+52,5}=\frac{x}{y}=\frac{80+E+A}{B+D}$$
E como todas as áreas estaban relacionadas con C, a cuarta parte do cadrado, pois tentei ir cara C:
$$\frac{C+27,5}{C-27,5}=\frac{x}{y}=\frac{C-B+A}{C-A+B}$$ (1)
Onde notei:
$$\frac{C+27,5}{C-27,5}=\frac{x}{y}=\frac{C+A-B}{C-(A-B)}$$
Que intuitivamente, sen botar contas, implica que $A-B=27,5$. Rigorosamente, podemos multiplicar en cruz, ou, xa que estamos matando moscas cunha bomba H, observar que a función $f(t)=\frac{c+t}{c-t}$ é inxectiva, sempre que $c \neq 0$.
De calquera xeito, non dei deducido nada máis de aí. Polo que pasei a comparar áreas de de triángulos que non compartisen base senón forma:
$$\frac{80}{C+52,5}=\left( \frac{x}{x+y}\right)^2$$
e
$$\frac{B}{A+C}=\left( \frac{y}{x+y}\right)^2$$ (2)

Con estas igualdades dei unhas cantas voltas, non cheguei a ningures agás a uns sistemas non lineais horripilantes en x e y, polo que volvín á figura e agora reparei nestes dous triángulos:

Non quero saber canto tempo da miña vida paso
escollendo cores para polígonos

Que son obviamente semellantes pois teñen os ángulos iguais, polo que os lados correspondentes son proporcionais, o que non serve de moito aparentemente sen meter máis variables. Mais tamén deducimos que a razón das súas áreas é o cadrado da razón de semellanza, é dicir, a razón entre dous lados correspondentes calquera, por exemplo os resaltados, que xa teñen etiqueta:
$$\frac{C+52,5}{80}=\left( \frac{x+y}{x}\right)^2 $$
E chegado este punto, veu a psicodelia:
$$\frac{C+52,5}{80}=\left( 1+\frac{y}{x}\right)^2 $$
Usando a primeira parte de (1) agora, 
$$\frac{C+52,5}{80}=\left( 1+\frac{C-27,5}{C+27,5}\right)^2=\left(\frac{2C}{C+27,5}\right)^2=\frac{4C^2}{(C+27,5)^2}$$
Afórrovos contas, a cousa queda así ao final:
$$C^3-212,5C^2+3643,75C+39703,125=0$$
Que ten 3 solucións racionais relativamente sinxelas para a pinta que ten, $C_1=-7,5, C_2= 27,5, C_3=192,5$, e pola figura, deducimos que ten que ser $C_3$ 
Sucede que botando as contas metín a zoca no medio da psicodelia, invertendo os termos dunha fracción, polo que obtiven unha ecuación con coeficientes racionais pero solucións irracionais ben bravas. 
Na versión non analóxica de enriba cambiei
á fracción inversa pero xa non trabuquei

O curioso do asunto é que me decatei do erro polo medio desta entrada, antes pensaba que simplemente chegara a unha ecuación que non se podía resolver de xeito exacto. Que tivese grao 3 non axudou tampouco.

Volvendo á solución, se $C=192,5$, como é a cuarta parte da área do cadrado, esta é 770, e o lado do cadrado, $x+y=\sqrt{770}$, e p.ex. utilizando (1) outra vez, $\frac{192,5+27,5}{192,5-27,5}=\frac{x}{y}$, de onde $\frac{220}{165}=\frac{x}{y}\Rightarrow \frac{4}{3}=\frac{x}{y}$, polo que $x=\frac{4\sqrt{770}}{7}$ e $y=\frac{3\sqrt{770}}{7}$

E agora usando (2), 
$$\frac{B}{A+C}=\left(\frac{y}{x+y}\right)^2 \Rightarrow \frac{B}{B+27,5+192,5}=\left(\frac{3}{7}\right)^2 \rightarrow \frac{B}{B+220}=\frac{9}{49} \rightarrow 49B=9B+1980 \rightarrow B=49,5$$
E por fin, $A=77$. Non era sen tempo.

Como dixen antes, isto non foi o que sucedeu nun primeiro momento.

O que sucedeu, en troques, foi que desfalecín, mirei o día de publicación do problema no grupo e comprobei a miña sospeita, que fora o 28 de decembro. E fun preguntar se era unha inocentada. E claro, non era, e o membro anónimo compartiu unha solución, que non mirei ata darlle outra volta infrutífera ao problema.
E volvín ao grupo, e mirei a solución compartida sen enfocar (así de ridículo son, en efecto), e vin algo semellante a isto:
   

E, obviamente, volvín ao problema sabendo que funcionaría dividir o lado superior do cadrado nos 4 cachos que se albiscan na imaxe borrosa. É dicir,
   
Pero p e q están relacionados con m e n respectivamente pola semellanza que se observa:
$$\frac{p}{p+m}=\frac{m}{l} \Rightarrow p=\frac{m^2}{l-m}$$
e
$$\frac{q}{q+n}=\frac{n}{l}\Rightarrow q=\frac{n^2}{l-n}$$
Con isto xa vai:
$$\begin{cases} \left( m+ \frac{m^2}{l-m}\right) \cdot \frac{m }{2}=80 \\ \frac{l^2}{4}-\frac{l \cdot m}{2}=52,5 \end{cases}$$
E recoñezo que tampouco confiaba moito en que este sistema fose facilmente resoluble. Porén...
$$\begin{cases} \frac{l \cdot m^2}{l-m}=160 \rightarrow lm^2=160(l-m)\\ l^2-2lm=210 \rightarrow m= \frac{l^2-210}{2l}=\frac{l}{2}-\frac{105}{l} \end{cases} \Rightarrow  $$
$$ l \left(\frac{l}{2}-\frac{105}{l} \right)^2=160 \left( l- \frac{l}{2}+\frac{105}{l}\right) =160 \left( \frac{l}{2}+\frac{105}{l} \right)$$
$$ l \left( \frac{l^2}{4}-105+\frac{105^2}{l^2}\right)=80l+\frac{160 \cdot 105 }{l}$$
$$ \frac{l^3}{4}-105l+\frac{105^2}{l}=80l+ \frac{160 \cdot 105 }{l}$$
Aquí a sensación que tiven é que non ía dar saído(outra vez), mais...
$$l^4-420l^2+44100=320l^2+67200 \rightarrow l^4-740l^2-23100=0$$
Unha bicadrada, quen contaba?! 
Aforrando o procedemento estándar, obtemos $l=\sqrt{770}$, e de aí, $m=\frac{\sqrt{770}}{2}-\frac{105}{\sqrt{770}}=\frac{4\sqrt{770}}{11}$ e $p=\frac{16\sqrt{770}}{77}$. E agora podemos razoar como o membro anónimo, e atopar o valor de n (a ese chamámolo igual, casualmente) mediante semellanza, ou usar que o lado do cadrado é a suma dos 4 segmentos m, p, q e n, e que p depende de m, xa coñecido, e q de n. En concreto:
$$q+n=\frac{n^2}{l-n}+n=\frac{ln}{l-n}=l-m-p=\frac{3\sqrt{770}}{7} \Rightarrow \frac{n \sqrt{770}}{\sqrt{770}-n}=\frac{3\sqrt{770}}{7}$$
Que dá $n=\frac{3\sqrt{770}}{10}$
E, POR FIN, podemos calcular as áreas solicitadas, 
$$B=\frac{(n+q)n}{2}=\frac{\frac{3\sqrt{770}}{7} \cdot \frac{3\sqrt{770}}{10}}{2}=\frac{9 \cdot 770}{70\cdot 2}=49,5$$
E A vale 27,5 máis, como xa falamos hai 5112 caracteres (aaarggg).

Sabedes o máis inquietante? Que nin comentei cando perdín a confianza no que estaba facendo e puxen un sistema de referencia e coordenadas a todos os puntos que había...

Entenderedes que nun tempo non haxa outra entrada onde volva escribir tantos símbolos matemáticos, non si?

6.1.25

10000 anos

 

Outro 6 de xaneiro, aniversario deste vello blog, que aínda vai acabar vendo esmorecer twitter.

E toca facer a entrada habitual para animar/desanimar a novos blogueiros a deixar o seu traballo e dedicarse full time ao de escribir entradas(viría sendo igual de útil que empezar unha pelexa)

En 2024 saíron 28 entradas, o que veñen sendo dúas entradas ao mes agás en abril e maio, cando reseño os problemas da olimpíada matemática galega para 2º de ESO. En total o blog tivo 28000 visitas, que agora veredes que se distribúen por outros anos do blog máis que nas entradas recentes.

As cinco entradas máis vistas foron:

Vendo ese top 5, parece obvio que alguén tivo que mover a primeira entrada na rede para que sobresaíse tanto.
Vexamos agora as cinco entradas menos vistas:
Se fose como os xornalistas ou políticos (ou en xeral xente que opina publicamente) deste país, que podería deducir de que as últimas entradas do ano teñan menos visitas en media? Obviamente, que ninguén quere ler o que escribe un xefe de estudos nomeado o 9 de setembro. A conclusión é inmediata, non si?


Globalmente, a media de visitas destas entradas é 67,5, a mediana, 60, e a desviación típica, 37. É curioso que as entradas deste ano teñan 1891 visitas nada máis fronte ás 28000 do blog completo no mesmo período. Supoño que será un fenómeno común.

Observade na gráfica o outlier que mencionaba antes:

Se a miras de esguello, parece periódica   


Deixando a un lado que estiven pensando en titular a entrada coa expresión hexadecimal de 16, i.e., 10, pero optei por seguir coa binaria, que cousas peculiares ten o número 16? Se algunha vez falastes aos alumnos da Conxectura de Goldbach, seguramente xa saberede que 16 é o primeiro número par que se pode escribir como suma de dous números primos distintos de dous xeitos distintos, 3+13 e 5+11. Ademais é o único número que se pode expresar como $m^n=n^m$ sendo m e n naturais distintos. E unha cousa que adoito propoñer na aula, cando os alumnos xa dominan os expoñentes negativos, co obxectivo de que expliquen que está a pasar: $$\frac{1}{16}=0,0625. \frac{1}{625}=0,0016$$

Deume por mirar en ChatGPT a ver que tiña que atopar pola rede sobre o número 16, ollo á 6ª propiedade que comenta:
   

Non quero nin pensar nos profesores que busquen rich tasks aquí en troques de pensalas ou buscalas eles directamente en libros. Será que vou vello.

Seguimos, supoño. 
 

1.1.25

Un problema para Ano Novo

 

Atopei o problemiña elemental que veño compartir hoxe nun artigo de Swetz e Chi, Mathematics entrance examinations in Chinese institutions of  higher education, (en Educational Studies in Mathematics, Volume 14, páxinas 39-54, 1983). A Swetz xa lle lin uns cantos artigos e fragmentos dos seus libros sobre Historia das Matemáticas, coido que o coñecín por Learn from the Masters, pero seguramente pouco despois oín falar de Was Pythagoras Chinese?, antes de saber incluso da existencia da revista Convergence, que fundou e editou xunto a Victor Katz. Como non é a miña intención facer unha reseña bibliográfica nin desde logo biográfica, recoméndovos que pescudedes nos seus escritos (e nos de Katz), hai moita Historia das Matemáticas alén do usual eurocentrismo neles.

No devandito artigo listan os exercicios que tiñan que resolver os estudantes para entrar na universidade de Fu Tan en 1917 (en setembro, non sei se sería a convocatoria extraordinaria, insiran unha chiscadela aquí), e aínda que os hai máis difíciles e máis interesantes, reparei nesta cuestión ao final de "Xeometría", o primeiro apartado do exame, logo tamén había "Xeometría Sólida" e "Trigonometría". Os autores comentan que este exame ía dirixido a estudantes americanos que tentasen entrar nesta universidade, e iso na súa opinión mediatiza o exame, facéndoo máis básico e rutineiro. Velaquí:

Nunha circunferencia trazamos un diámetro AB e unha corda CD. Prolongamos os dous segmentos ata que se intersequen no punto E. Amosar que $EA<EC$ e que $EB>ED$


Outro tropo da educación matemática?


Para que non digades que non comparto cuestións totalmente elementais de cando en vez, así comeza 2025.

26.12.24

Un xogo con sucesións(curtas) de Fibonacci

 

   


A sucesión de Fibonacci probablemente sexa a sucesión máis famosa que é chamada sucesión de xeito común. Porque en realidade os números naturais, os pares ou os impares, os números primos, etc., son ben máis coñecidas, pero é raro que se lles adhira o termo sucesión, polo menos en niveis elementais.

Fartos estaredes de ver os primeiros termos,

$$1,1,2,3,5,8,13,21,34,55, \dots$$

E aínda máis de recuncar na lei de recorrencia dos termos da sucesión: cada termo é a suma dos dous anteriorezzz...

Por traer algo menos universalmente coñecido, se revisades os termos $F_n$ que son primos,

$$F_3=2, F_4=3, F_5=5, F_7=13, F_{11}=89, F_{13}=233, \dots$$

veredes que, agás para n=4, os demais termos primos están nunha posición que é tamén un número primo(non tiredes conclusións rápidas, $F_{19}=4181=37 \cdot 113$).

Que só teñamos que buscar, a partir de $F_5$, números primos na sucesión de Fibonacci entre os que teñen os aspecto $F_p$, con p primo, é elemental se un sabe que a sucesión cumpre a seguinte condición:

Se a|b, entón $F_a|F_b$

(A demostración déixase como exercicio para o amable lector, e este feito ten nome)

Aproveito para lembrar que hai unha adiviña no blog desde hai 8 anos, De tres en tres, e dar unha pista: a solución que tiña eu en mente cando a escribín está relacionado cos números de Fibonacci tamén.

E por que escribo (por quinta vez) sobre os números de Fibonacci se é tan notorio que non é o meu tema preferido?

Exacto: porque vin onte un novo xogo, como xa intuístes coa imaxe da cabeceira da entrada.



O xogo chámase Knotilus, e consiste en que:

1º) Atopes cinco sucesións tipo Fibonacci de lonxitude 4 entre os 11 números propostos(esta é a parte sinxela, só hai que achar o molde a,b,a+b,a+2b entre os números)

e 

2º) Escollas entre as sucesións atopadas as tres que cumpren as condicións "só comparten un número(the knot)", "os demais números nas 3 sucesións só aparecen nunha delas"


Podedes ir directamente a xogar ou podedes analizar a solución do xogo sinxelo de hoxe:


    

Veña, que non vai ser todo ler a cantidade desorbitada de libros que teredes na cola de lectura.




8.12.24

Unha caracterización dos números compostos

 

Todo o mundo sabe que son os números compostos, a definición é ben simple e é introducida moi cedo na educación dos cativos. Ademais, pódese visualizar xeometricamente, aínda que non estou seguro de que iso axude á maioría da xente que teña dificultades de comprensión, pois a miña experiencia di que os que teñen dificultades cun concepto, tamén lles vai resultar un obstáculo(ás veces formidable) tentar conectar con outra representación/caracaterización do concepto. De aí as protestas habituais do alumnado ante varias explicacións/presentacións da mesma idea.

Por se hai alguén despistado, lembremos que un número n é composto se pode ser expresado como produto de dous números menores que n. Formalmente, $\exists \ a, b \in \mathbb{N}, \ 1<a,b<n  \mid n=a \cdot b $

E a representación xeométrica habitual consiste en debuxar tantos puntos como indica o número, dispoñéndoos en cuadrículas que non teñan nin altura nin ancho 1. É dicir: 

O 12, cantas veces será factorizado en 1º e 2º de ESO?

Utilizamos a representación rectangular porque é a natural na aprendizaxe desde o comezo da nosa aprendizaxe, pero como vimos hai ben tempo cos diagramas animados de Data Pointed, tamén serve calquera representación que resalte os grupos iguais:

30=5·3·2


Porén, hai moreas de resultados que caracterizan os números compostos, ou, o que é equivalente, que caracterizan os números primos. Persoalmente, lembro aprender o Teorema de Wilson na carreira e pensar, candidamente, que nese curto enunciado estaba o segredo dos números primos, etc. Xulgade vós a miña candidez:

Se p é un número primo, entón $(p-1)!\equiv -1 (mod p)$

Se non estades familiarizados* coa linguaxe de congruencias, o que quere dicir é  que (p-1)! deixa resto p-1 ao dividilo entre p. Por exemplo, se p=7, (7-1)!=6!=720, que dividido entre 7 dá obviamente resto 6(pois $721=\dot 7$). Para comprender por que digo que eu era un inocente, podedes ver a entrada da wikipedia sobre os Tests de Primalidade.

*Por sorte iso ten fácil solución, non tedes máis que ler o último capítulo dos Bocados Matemáticos do compañeiro Paulo Ogando, "A aritmética do reloxo", onde mediante exemplos da vida moderna ides entender esta xoia que nos legou Gauss.

Aproveito para compartir aquí a Gauss fibrilando ante o pampo que era eu en 1º de carreira:


A miña magna obra, o meu legado para a posteridade: os gifs 

Agora que xa todos sabemos (frase que adoita ser falsa nas clases) o que son os números compostos, imos co motivo real desta entrada.

Hai dúas entradas aludín ao arquivo que gardo de problemas desde hai 20 anos, arquivo que non revisito adoito porque cada vez que collo unha páxina, acabo perdendo media tarde. Pero esta xoia, tirada  da Olimpíada de Estonia de 1997(que non está na web, curiosamente, a saber onde a vira eu), e que esquecera completamente, merecía tamén ser comentada:

Demostrar que n é composto se e só se existen $x, y, a, b\in \mathbb{N}$ tales que

$$\begin{cases}\large{a+b=n} \\ \large{\frac{x}{a}+\frac{y}{b}=1} \end{cases}$$

E que significará xeometricamente esta condición, que aos máis vellos do lugar nos traerá á memoria a ecuación segmentaria da recta?